Luns, 18/05/2026 · 4:56 p.m.
Erasmus
Panamá: unha experiencia Erasmus+

O profesorado do CIFP Fontecarmoa continúa ampliando horizontes internacionais grazas ao programa Erasmus+.

Durante estes días, o noso profesor José Manuel realizou unha estadía de aprendizaxe en Panamá, unha experiencia enriquecedora tanto a nivel profesional como persoal que lle permitiu coñecer de primeira man outros sistemas educativos, metodoloxías de traballo e realidades culturais.

Un dos momentos máis destacados da visita foi a estancia no Colegio Venancio Fenosa Pascual, situado en Chepo, un centro de educación secundaria comprometido coa formación integral do alumnado e no que se imparten estudos relacionados co Comercio, a Contabilidade, o Turismo, a Informática e as Ciencias.

Durante a estadía participou en diferentes sesións de aula xunto ás profesoras Mercedes, Yuleica, Ruth e Sonia, compartindo experiencias educativas, metodoloxías e formas de traballo. Ademais, a comunidade educativa do centro, encabezada polo director Giovanni Mercado, ofreceulle unha excelente acollida desde o primeiro momento.

Esta mobilidade permitiulle tamén establecer vínculos profesionais e persoais moi valiosos, reforzando a importancia da cooperación internacional no ámbito educativo.

A experiencia completouse coa visita a algúns dos lugares máis emblemáticos do país, como o Canal de Panamá, unha das obras de enxeñaría máis importantes do mundo, combinando así aprendizaxe, formación e coñecemento cultural.

🌍 Erasmus+ segue demostrando que ofrece oportunidades que van moito máis alá de Europa, abrindo portas ao intercambio internacional, ao crecemento profesional e á conexión entre culturas de todo o mundo.